Ponteceso preserva as vías públicas municipais grazas ó control das sacas de madeira

Concello de Ponteceso

  • O alcalde destaca a profesionalidade das empresas do sector forestal que operan no municipio

O concello de Ponteceso segue traballando para preservar o medio ambiente e conservar os camiños e vías públicas municipais. A Concellería de Seguridade está a realizar un minucioso traballo de cara á autorización das talas, que requiren un informe previo por parte dos servizos técnicos municipais e un seguimento permanente por parte da Policía Local, así como o depósito dunha fianza por parte dos madeireiros para garantir o bo estado da rede viaria.

O departamento de Faustino Santiago Lema é o encargado de dirixir e supervisar o procedemento que, tal como apuntou o alcalde do municipio, Lois García Carballido, “implica a realización de numerosos trámites administrativos”. O rexedor tamén se amosou satisfeito pola profesionalidade dos madeireiros que están a traballar respectando as condicións establecidas na ordenanza municipal.