Ponteceso prohibe os espectáculos musicais durante as festas do Carme de Corme

Puerto de Corme_GOOGLE MAPS

  • Os asistentes á procesión deberán agardar a volta da Virxe sentados nas cadeiras que se habilitarán no porto

O Concello de Ponteceso emitiu este martes un bando informativo con motivo das festas do Carme de Corme que se celebrarán os días 16 e 17 de xullo. Nese documento establécense varias medidas de seguridade debido á situación sanitaria provocada pola covid-19.

Entre estas medidas atópase unha que molestou especialmente a varios veciños e profesionais do sector da verbena, que xa se fixeron escoitar nas redes sociais municipais, e é que quedan prohibidas as actuacións musicais de dúos, DJ ou calquera formación musical na vía pública, quedando tamén prohibidas as festas.

Deberán respectarse os aforos, tanto no interior como no exterior dos locais, e as consumicións só se servirán na mesa. Por suposto, os botellóns continuarán prohibidos en todos os espazos públicos, inclusive nas praias.

Por outra banda, o mercado municipal de Corme trasladarase ao xoves 15 de xullo en horario de mañá, e tamén haberá unha serie de medidas, acordadas coa Confraría e a Igrexa, no relativo á procesión marítima que terá lugar despois da misa do Carmen do día 16:

  • A mascara será obrigatoria en todo momento, gardándose a distancia de seguridade mínima de 1,5 metros.
  • Os asistentes á procesión deberán agardar a volta da Virxe do Carme da procesión marítima sentados nas cadeiras que se habilitarán no porto.
  • Desde o Concello aconsellan que aos barcos só suban os mariñeiros e xente do mar, quedando baixo a responsabilidade de cada patrón admitir nas embarcacións ás persoas directas.

A Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil de Ponteceso colaborarán en todo momento para o cumprimento de ditas normas.