Ponteceso recibe un ano máis as Tres Flores de Honra do proxecto Vilas en Flor


O acto de entrega de galardóns polo certame Vilas en Flor tivo lugar este venres no Auditorio de Caldas de Reis. Un evento organizado por Agaexar Asociación Galega de Empresas de Xardinería, Asvinor e a Fundación Juana de Vega e patrocinado por Husqvarna, Rain Bird e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

No evento interviron a conselleira de Medio Ambiente, o tenente de alcalde da localidade e o presidente de Juana de Vega. Explicaron a importancia de premiar as boas prácticas para a conservación dos espazos naturais e urbanos, que xa promove a súa quinta edición. No evento participaron 39 concellos, sendo un deles Ponteceso, concello pioneiro en canto a participación no certame.

Deste modo, un xurado especializado determinou que, por segundo ano consecutivo, o Concello de Ponteceso era merecedora de tres flores de honra polo seu compromiso cos principios que Vilas en Flor promove.

Trátase do cuarto ano que Ponteceso recibe este distintivo, sendo este 2022 o segundo en acadar tres das cinco flores de honra coas que se premian. O Concello amósase agradecido coa valoración e seguirá contribuíndo a coidar o seu territorio.