Ponteceso recolleu 22 toneladas de residuos urbanos especiais no 2021

PIXABAY

  • A iniciativa segue en marcha este ano, con novas rutas cada semana

Grazas á colaboración da veciñanza, no concello de Ponteceso recolléronse 22 toneladas de residuos urbanos especiais durante o 2021. «Todo un éxito», sinalan desde a Alcaldía, lembrando que a iniciativa continúa este ano con novas rutas cada semana.

Unhas 1.500 vivendas fixeron uso do servizo ofertado polo Concello e a empresa Collecting Oil. Esta última percorre varias zonas da localidade cada día para recoller, porta a porta, aceites de cociña usados, pilas e baterías, bombillas, pequenos electrodomésticos ou aparellos electrónicos, graxas ou manteigas, tixolas e potas ou roupa, entre outros elementos.

Os aceites e as graxas foron os residuos máis recollidos, con 13.984 quilos (15.538 litros), seguidos das prendas de roupa con 3.219 quilos. En canto a aparatos electrónicos, entregáronse 2.773 quilos. Tamén se recolleron 1.591 quilos de metais; 727 quilos de pilas e baterías; 282 quilos cartuchos e tóner e 146 quilos de fluorescentes.

Rutas para a próxima semana:

Luns, 24: A Gándara, Seixos, Petón, Polígono de Tella, Tallo, Vila de Suso e O Rieiro.

Martes, 25: Bugalleira, Ameixenda, Rebordáns, As Salgueiras, Os Melcos, Langueirón, A Vitureira e Ardabón.

Mércores, 26: A Ponte Dona, Xornes e Pazos.

Xoves, 27: Pazos, Riotorto, Limiñoa, O Barreiro, Cores, Vila de Suso, Figueiroa e A Costa.

Venres, 28: A Campara, Santa Cruz, Os Torrados, A Lamela, Miraflores e O Castro.

As persoas interesadas poden contactar coa empresa de recollida no teléfono 639 920 936. O lixo debe depositarse nun lugar accesible antes das 09:00 horas.