O servizo de recollida de residuos porta a porta do Concello de Ponteceso leva recollidas no que levamos de ano 20.283 quilos de residuos urbanos especiais non voluminosos. 1.476 vivendas fixeron uso deste servizo ofertado polo Concello e a empresa Collecting Oil.
Das máis de 20 toneladas de residuos recollidos, máis de 12 son de aceite doméstico e graxas (12.765 quilos/ 14.183 litros). Deste xeito, o aceite marca un novo récord e volve ser o máis abundante nas recollidas. O segundo residuo que máis se repite é a roupa, cun total de 3.059 quilos. O terceiro posto do ránking ocúpano os aparatos electrónicos, cun total de 2.702 quilos . Logo, recolléronse 1.126 quilos de metais, 447 quilos de pilas e baterías, 143 quilos de fluorescentes e 41 quilos de cartuchos e tóner.
O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agradece o compromiso dos veciños e das veciñas co medio ambiente e recorda que as persoas interesadas en facer uso deste servizo deben contactar coa empresa de recollida no teléfono 639 920 936 (poden chamar directamente ou enviarlle un WhatsApp) ou no enderezo info@collectingoil.com.