Ponteceso remata o ano relanzando o Plan de Emprego

1 minutes read

O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, vén de relanzar o Plan de Emprego 2020-2021 cunha nova prórroga ata a aprobación do seguinte Plan, tras resolver os trámites necesarios para contratar a seis desempregados, tres homes e tres mulleres, que comezaron a traballar o pasado luns 26 de decembro como operarios de servizos múltiples. Realizarán tarefas de limpeza, roza, acondicionamento de vías públicas, camiños e cobrarán o salario mínimo interprofesional.

A alcaldía considera que as contratacións a realizar como persoal laboral temporal se deben ao “incremento ocasional e imprevisible das circunstancias da produción que, aínda tratándose da actividade normal da empresa xeren un desaxuste temporal entre o emprego estable dispoñible”. Coa entrada do novo ano o Concello quere renovar a lista e permitir que se poidan presentar todas as persoas empadroadas na vila.

O alcalde considera necesario cubrir estes labores xusto nestas datas de fin de ano: “Un dos cometidos que terá este persoal é reforzar a limpeza viaria, traballos que non se contrataron e que nestas datas con motivo das festas do Nadal, actividades, Cabalgata de Reis se deben reforzar, así como nos núcleos de poboación de todas as parroquias, e tamén os traballos de axuda ao montaxe de instalacións”.

A bolsa do Plan de Emprego Social aprobouse en 2020 e as bases están expostas na web municipal. O goberno de Ponteceso considera que precisamente é a Administración local, como a máis próxima á realidade da veciñanza, a que debe xogar un importante papel na inserción socio-laboral, tendo en conta que o municipio presenta un alto índice de desemprego, especialmente no colectivo das mulleres e mozas menores de 30 anos, das maiores de cincuenta anos, así como doutras persoas en risco de exclusión social.