- As celebracións estarán sometidas ás medidas sanitarias
Non hai sorpresas en canto á celebración do San Xoán no concello de Ponteceso. Tal e como foron anunciando diversos municipios da Costa da Morte, Ponteceso celebrará este evento do mesmo xeito que o ano anterior, baixo serias medidas sanitarias para evitar contaxios por Covid-19.
Desde o goberno local advirten de que «non está permitido facer cacharelas en lugares públicos, terreos forestais ou nas
proximidades de masas arbóreas». As lumaradas non poderán ter máis de dous metros de altura nin seis de base. No caso de atoparse a menos de 400 metros do monte estas medidas «reduciranse á metade». Ademais, o lume deberá estar como mínimo a cinco metros de distancia da «leña apilada, das liñas de tendido eléctrico, liñas de telecomunicacións e de calquera almacenamento de produtos inflamables». Tamén queda prohibida a queima de plásticos ou envases presurizados.
O número de asistentes non superará o que determine a normativa sanitaria de aplicación no momento da celebración da festa.
As persoas que desexen realizar unha cacharela deberán presentar a solicitude no Concello de Ponteceso antes das 14.00 horas do día 23 de xuño de 2021, cumprimentando unha solicitude xeral cos datos básicos.
San Xoán en Camariñas
As fogueiras e grelladas do San Xoán en Camariñas tamén deberán contar cunha comunicación previa no Concello. A alcaldesa, Sandra Ínsua, emitiu este martes un bando no que se regula a celebración nos espazos privados e nos locais de hostalería.
O prazo de presentación das solicitudes xa está aberto e rematará ás 14 horas do 21 de xuño. Aquelas persoas interesadas poden descargar os documentos na web municipal e presentalos a través da sede electrónica ou de xeito presencial no Rexistro.