Ponteceso será sede do programa da Universidade de Santiago “A USC camiña”

1 minutes read

Exposicións, mesas redondas, xogos, deportes, obradoiros, investigación e 11 stands con información sobre titulacións e servizos da USC encherán os días 17 e 18 o polideportivo de Ponteceso, unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela que trata de achegar a institución académica á mocidade e de tender pontes entre o estudantado de ensino medio e a USC para informalo e orientalo á hora de elixir os estudos que mellor se adapten ás súas preferencias.

“A USC camiña” propón dúas xornadas cheas de actividades: o día 17, de 09:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e o 18, de 09:30 a 14:00 horas, os mozos e mozas de toda a provincia poderán achegarse ás catro áreas nas que estará distribuído o espazo: escenario principal, onde se realizarán exposicións curtas e mesas redondas; área de deportes e xogos, onde poderán interactuar, dirixidos por monitores da USC; área de obradoiros e investigación, na que poderán colaborar na realización de actividades e talleres relacionados con distintas titulacións e a investigación, e 11 stands con información sobre titulacións de Ciencias da Saúde, Ciencias, Arte e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, así como sobre distintos servizos da USC (oficina de información universitaria, cultura, residencias ou voluntariado, entre outros).