Ponteceso solicita a mellora das estradas provinciais que dan acceso a Corme


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, co que analizou distintos proxectos de mellora de infraestruturas no municipio.

O alcalde solicitou á Deputación un proxecto de mellora da seguridade das estradas provinciais que dan acceso a Corme, concretamente a DP-6805 e DP- 6801, que conforman un tramo duns 10 quilómetros atravesando os núcleos de Brantuas, A Campara e Pazos, polos que discorre a maior parte do tráfico que circula cara Corme.

García Carballido explicou que os viais teñen sido obxecto de pequenas obras de reparación e rebacheo, pero considera necesario dotalos dunha nova capa de rodaxe segura e uniforme que mellore as condicións da circulación dun vial que conta cun elevado tráfico diario de vehículos.

González Formoso comprometeuse a remitir a proposta do alcalde ao servizo de Vías e Obras para o seu estudo.

Aparcadoiro de Balarés

Por outra banda, González Formoso e García Carballido abordaron tamén os avances no proxecto para a construción dun aparcadoiro no entorno da área de lecer de Balarés.

O presidente anunciou que a redacción do proxecto está case rematada e que o organismo provincial xa ten en adxudicados os traballos previos de limpeza e poda da parcela de 34.000 metros cadrados da superficie adquirida pola Deputación onde se situará o aparcadoiro, que terá capacidade para uns 300 vehículos e permitirá rematar co caos circulatorio que rexistra a zona, especialmente durante a época estival.

A obra de construción do aparcadoiro suporá un investimento de 250.000 euros e consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nun espazo parcelario sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, que eliminará o tráfico rodado na vía de entrada á praia.