Ponteceso solicita ser a base da primeira ambulancia medicalizada da Costa da Morte


O Alcalde de Ponteceso, Lois García, solicitou unha entrevista co Conselleiro de Sanidade para que o concello sexa a base da decimoterceira ambulancia medicalizada de Galicia, e a primeira da Costa da Morte.

O emprazamento está xustificado pola nosa distancia aos hospitais da Coruña e Cee, a unha hora de distancia, porque as ambulancias de Ponteceso son as que máis quilómetros e servizos fan ao ano e porque quedamos 2 horas sen médico ou máis no PAC cada vez que vai ao hospital cun doente” declarou o Alcalde.

O servizo coordinaríase perfectamente co servizo de emerxencias que presta o GES de Ponteceso as 24 horas do día todos os días do ano para cinco concellos.

“Na parcela e edificio cedido á Xunta de Galicia polo Concello de Ponteceso onde se sitúa o centro médico, existen garaxes e habitacións desocupadas que poden acoller a base perfectamente, así como espazo libre na parcela para aparcamento” declarou o Alcalde.

En Galicia existen 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas, localizadas en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Foz, Ourense, Pontevedra, Vigo, Mos, Monforte de Lemos, 2 na Coruña e no Salnés. As mesmas dispoñen da equitación necesaria para prestar asistencia médica in situ aos doentes graves e asistilos durante o seu traslado.

“No asunto das emerxencias as isócronas son importantísimas. Que a Costa da Morte careza dun servizo tan básico é moi grave, e lugares como Ponteceso tan afastados dos hospitais deben ser o obxectivo prioritario da Xunta de Galicia en materia de emerxencias sanitarias” declarou o Alcalde.

Ponteceso é base dunha das 107 ambulancias de soporte vital básico de Galicia. O Concello solicita que o persoal desta base poida integrarse no novo servizo como apoio. A base conta permanentemente con 2 técnicos en emerxencias sanitarias e soporte vital básico como desfibriladores semiautomáticos.