- Haberá tres categorías: disfraces de Entroido, receitas típicas e decoración de locais
Que aos galegos nos gusta o Entroido é algo que non se pode discutir, por iso son moitos os concellos que se suman ás celebracións virtuais apostando por concursos a través da Internet. Na Costa da Morte xa se sumaron á esta modalidade Cabana, Zas, A Laracha, Camariñas e agora tamén o fai Ponteceso.
A Concellería de Cultura realizará entre o 10 e o 17 de febreiro un certame dirixido aos veciños de Ponteceso, no que tamén poderán participar os establecementos e comercios do municipio.
O evento contará con tres categorías: disfraces tradicionais de Entroido, gastronomía típica e decoración de locais. Para participar na primeira, a persoa ou grupo que o desexe enviará unha fotografía xunto co nome, apelidos e DNI, coa súa caracterización tradicional de Entroido.
No referido á categoría de gastronomía tradicional, os participantes deberán elaborar unha receita típica destas datas e enviar nun vídeo cunha duración máxima de 60 segundos, xunto cos datos de contacto completos.
Por último, na categoría de locais entroideiros, aqueles comercios e establecementos do Concello de Ponteceso que o desexen enviarán tres fotografías do seu local onde se aprecie a decoración relacionada con esta festividade.
Os vídeos e fotografías deben enviarse entre o 8 e o 14 de febrero a través de WhatsApp ao número de teléfono de Cultura (630 907 124). O luns 15 e o martes 16 de febreiro estará aberta a votación no Facebook do Concello de Ponteceso, ata as 00:00 horas do martes.
Os premios deste concurso en liña serán de 200 euros para a categoría de establecementos, 100 euros na categoría de gastronomía tradicional e 50 para o disfraz tradicional.
