Ponteceso trata de buscar solucións ás deficiencias de accesibilidade nos colexios


O alcalde de Ponteceso, Lois García, reuniuse co secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila López, no seu despacho en San Caetano para pedirlle que leve a cabo as numerosas obras pendentes de realizar nos centros públicos de primaria e secundaria de Ponteceso. O rexedor alertoulle de que os dous edificios están sen ascensor. Existen espazos para eles pero non se puxeron en marcha, co cal o alumnado e a comunidade educativa, non dispoñen de edificios accesibles. 

Tanto as cubertas coma a fachada posterior do edificio principal presentan problemas de filtracións de agua, ademais o alcalde reiterou o ofrecemento dun terreo anexo ao instituto para ampliar a formación profesional moi necesaria debido ao grande éxito que está tendo o Ciclo de Automoción.

Lois García tamén lle lembrou que os dous colexios de primaria Eduardo Pondal e As Forcadas de Corme xa cumpriron 50 anos de antigüidade co cal pediu que entraran no plan de nova arquitectura pedagóxica. Un plan no que ata o de agora ningún dos centros do Concello se puido beneficiar.