O Concello de Ponteceso está a rematar as obras de mellora do acceso ao núcleo de Carballido, na parroquia de A Graña, unha actuación moi demandada polos veciños desde hai anos e que permitirá mellorar as condicións de acceso aos seus domicilios.
A actuación permitiu solucionar un importante problema de accesibilidade existente na zona. De feito, foi necesario actuar sobre unha parte dunha propiedade particular e gañar o espazo necesario para mellorar e ampliar a pista que dá acceso ao núcleo de Carballido.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, quixo expresar o agradecemento especial á familia propietaria, “polas facilidades e pola disposición mostradas en todo momento. A súa colaboración foi fundamental para que este proxecto puidese converterse nunha realidade”.
Por outra banda, tamén agradeceu á empresa construtora o interese, a implicación amosado durante a execución dos traballos, así como o esforzo realizado para cumprir os prazos previstos. Mato tamén trasladou o seu agradecemento aos veciños de Carballido pola paciencia e comprensión demostradas durante todo o desenvolvemento das obras. “Somos conscientes das molestias que unha actuación destas características pode ocasionar, polo que valoramos especialmente a súa colaboración”, sentenciou.
Asegura que “grazas a esta actuación, os veciños de Carballido poderán acceder con maior seguridade aos seus domicilios”, e destaca que se trata de “unha obra moi demandada desde hai anos”.
Con esta obra, o Concello de Ponteceso dá resposta a unha reivindicación veciñal e continúa traballando para mellorar as infraestruturas e as condicións de vida dos veciños das distintas parroquias do municipio.
