Ponteceso votará este xoves o POS+2022 tras perder o pasado ano máis dun millón de euros

2 minutes read
  • O goberno local reuniuse co PP e APIN para incluír determinados proxectos mentres que o grupo dos non adscritos se sente ignorado

Tras o vivido este mércores no Concello de Muxía co bloqueo do POS+2022 da Deputación da Coruña, que alcanzaba os 800.000 euros, as miradas están postas no pleno que se celebrará este xoves en Ponteceso (20:00 horas). Na xuntanza votarase a aprobación do Plan de Obras e Servizos que xa fora rexeitado o pasado perdendo a localidade máis dun millón de euros para obras, investimentos e pago de facturas e de proveedores.

Ponteceso foi, no 2021, o único concello da provincia da Coruña en quedar sen estes fondos, pero o alcalde, Lois García Carballido, non perde a esperanza despois de manter unha xuntanza con «todos os que se quixeron reunir co goberno, en concreto Apin e PP» e de incluír as súas propostas nos proxectos para este ano. A aprobación necesita catro votos xa que os tres do grupo de goberno (PSOE) xa están garantizados.

O POS+2022 de Ponteceso inclúe as seguintes intervencións: dotación de redes separativas de saneamento en Corme Porto, un novo colector da intercepción da rede de pluviais en Ponteceso e mellora da drenaxe do xuncal, recollida de augas da Trabe a Ferradura, primeira fase do saneamento do Anllóns, beirarrúas en Pazos de Arriba, mellora da depuradora de Pazos, abastecemento integral de auga a todos os lugares de Langueirón, mellora das pistas das parcelarias de Pazos e Cores-Nemeño, adquisición por expropiación ou compra dos terreos do Parque das Bouzas I, saneamento e abastecemento á Bouza e Lestimoño (obras demandadas tamén polo grupo dos non adscritos a pesar de non reunirse co alcalde), mellora de camiños de Nemeño a Brántuas polos Ánxeles, e arranxo da rúa do Toural en Corme Aldea así como das escaleiras da Arnela á Paxariña, en Corme Porto.

Estas obras suman un total de 2.354.098 euros ao incluír unha partida de 74.394 euros para gasto social en dependencia e 279.702 euros para servizos básicos en todas as parroquias.