Pontecesures acollerá esta fin de semana do 25 e 26 de marzo a XXV Festa da Lamprea do Ulla, que centralizará as súas actividades nunha carpa no espazo “Cara a Ría”. Así, o Concello de Pontecesures abreu este martes as inscricións en dúas actividades gratuítas que terán lugar o sábado 25 de marzo: un obradoiro infantil de ciencia divertida e un showcooking con lamprea para persoas adultas.
O obradoiro infantil de ciencia divertida terá lugar este sábado 25 de marzo, de 11:00 a 13:00 horas, na carpa no espazo “Cara a ría”. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente enchendo un formulario dispoñible na web municipal: www.pontecesures.org.
Ás 19:00 horas terá lugar o showcooking dirixido polo chef Miguel Mosteiro, xefe de cociña no Gastrolab Arousa (Boiro). Mosteiro fará en directo varias elaboracións coa lamprea como ingrediente principal, que poderán ser degustadas por un máximo de 30 persoas asistentes. A participación é gratuíta, se ben é preciso inscribirse previamente enchendo un formulario dispoñible na web municipal (www.pontecesures.org) e nas redes sociais do Concello de Pontecesures. A inscrición realizarase por rigorosa orde de anotación, só unha persoa de cada vez e co compromiso de estar na carpa espazo “Cara a Ría” antes das 19:10 horas. No caso contrario, perderá a súa praza, que pasará a ser da primeira persoa en lista de agarda.
Máis de 300 menús
A programación do día grande da XXV Festa da Lamprea do Ulla arrancará coa presentación do documental “Pontecesures”, na Casa do Concello, ás 12;15 horas. Unha vez rematada, a comitiva oficial desprazarase á carpa no espazo “Cara a Ría”, onde a actriz e presentadora Isabel Blanco será a encargada de dar o pregón. Ás 14:00 horas, esa mesma carpa acollerá unha degustación de lampreas do Ulla. O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, amósase satisfeito polo incremento do número de capturas nas últimas semanas “polo que agardamos que o día da festa se poidan servir máis de trescentos menús de lamprea e que todas as persoas que o desexen poidan degustala en tres elaboracións diferentes: á bordelesa, en empanada ou en escabeche”. E, a partir das 20:00 horas, a actuación musical a cargo da agrupación “Unión y Fuerza” porá o broche de ouro á programación.