Pontecesures acolle unha mesa informativa sobre a prevención das condutas suicidas

1 minutes read

O Mercado Praza de Abastos de Pontecesures acollerá unha mesa informativa sobre a prevención das condutas suicidas. Unha actividade de sensibilización que terá lugar este mércores 21 de decembro, de 10:30 a 12:00 horas, promovida pola entidade Andaina Pro Saúde Mental, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e o Concello de Pontecesures.

Esta iniciativa é unha das tres liñas de acción contempladas no Programa integral para a mellora na detección e intervención en risco de suicidio nas comarcas de Ordes e Ulla-Sar: formación a profesionais do ámbito sanitario, intervención con persoas e grupos vulnerable e, no caso deste mércores en Pontecesures, sensibilización social sobre a prevención da conduta suicida. Así, esta mesa informativa ten como obxectivo principal dar difusión ás actuacións do programa e camiñar cara a redución do estigma social e cultural asociado ao suicidio.

Andaina PSM

Andaina PSM é unha asociación de persoas e familiares afectadas por trastorno mental grave que ten como obxectivo prestar apoio e atención a estas persoas, contribuíndo á mellora da súa autonomía persoal e calidade de vida. Iniciou o seu labor no ano 2010 na comarca de Ulla-Sar e dende o 2018 na comarca de Ordes, comarcas nas que mantén en funcionamento cadanseu centro de rehabilitación psicosocial, que actúan como unidades de apoio comunitario para a recuperación da persoa a través de programas e servizos, tanto a nivel individual como familiar. Máis información: 981 076 405, 698 149 915 e psicoloxia@andainapsm.org.