Pontecesures contará con 47 locais comerciais seguros contra a violencia de xénero

O Concello de Pontecesures contará a próxima semana cun total de 47 locais comerciais seguros contra a violencia de xénero, unha vez que superen as sesións formativas que darán comezo este mércores 16 de novembro, ás 20:30 horas, na casa consistorial. Un acto ao que asistirán o alcalde, Juan Manuel Vidal, e a concelleira de Igualdade, Laura Villar, que coinciden en amosar a súa satisfacción pola elevada participación acadada.

O Concello de Pontecesures ofreceulles ás persoas titulares dos distintos locais comerciais e de hostalería do municipio a posibilidade de participaren nunha acción formativa en protocolos de actuación contra a violencia de xénero. Cinco deles escolleron a opción presencial, polo que tomarán parte en tres sesións o mércores 16, o xoves 17 e o venres 18 de novembro, en horario de 20:30 a 22:00 horas. As outras 42 persoas optaron por facer a formación on-line entre o sábado 19 e o mércores 23 de novembro.

“O próximo venres 25 de novembro entregaremos os correspondentes distintivos que acreditarán a estes 47 establecementos como locais comerciais seguros contra a violencia de xénero”, apunta Laura Villar, quen explica que tras esta formación “o persoal do comercio e a hostalería de Pontecesures coñecerá tanto os protocolos a seguir no caso de que se produza un episodio de violencia de xénero na súa contorna como os recursos aos que poden acudir”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha