Pontecesures investirá máis de 50.000 € na mellora do camiño de Fenteira a Grobas

1 minutes read

O Concello de Pontecesures vén de formalizar a adxudicación do contrato das obras de mellora do camiño de Fenteira a Grobas, uns traballos que contan cun prazo de execución de catro semanas e un prazo total de garantía de seis anos.

O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, explica que “con esta actuación melloraremos a seguridade viaria dos veciños e veciñas xa que, ademais de mellorar o firme do camiño para os condutores, construiremos tamén unha cuneta de seguridade baixo a que se recollerán as augas da chuvia, polo que facilitará tamén o tránsito de peóns pola zona”.

As obras, que están incluídas no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023, suporán a mellora da capa de rodaxe desta pista, de 450 metros de longo por 3,5 metros de ancho. Os traballos suporán a reparación de fochancas e limpeza de gabias en ambas marxes do camiño, sobre o que se aplicará unha nova capa de rodadura de seis centímetros de asfaltado en quente. Así mesmo, está prevista a construción dunha cuneta de seguridade de 300 metros en formigón, baixo a cal se canalizará unha tubaxe e dez arquetas con sumidoiro para a recollida das augas pluviais.