Pontevedra acolleu a apertura das VI xornadas de industrias musicais

1 minutes read

A Fundación Paideia Galiza conta un ano máis co apoio da Xunta na organización do ciclo de Xornadas de Industrias Musicais, que este xoves iniciou en Pontevedra a súa sexta edición, bautizada como A volta IN-perfecta. O retorno da música na nova era. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta sesión de apertura, na que enmarcou esta colaboración no compromiso que o Goberno galego comparte con Paidea a prol dunha maior profesionalización no ámbito da música emerxente.

“A través desta valiosa alianza, levamos xa desenvolvidas nos últimos cinco anos unha quincena de sesións ás que sempre lles quixemos aplicar un perfil marcadamente profesional”, sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación Universidade, quen amosou a súa satisfacción pola incorporación de Pontevedra como sede dos encontros, seguindo co modelo de itinerancia por diferentes localidades galegas.

O espazo Nemonon acolleu esta primeira xornada do ciclo, A canción IN-perfecta, que estivo moderada pola cantante, compositora e produtora Wöyza. Para abordar os retos e oportunidades da industria musical na súa reactivación tras os momentos máis complicados da pandemia, contouse coas intervencións de Campi Campón, músico, enxeñeiro e produtor para artistas como Vetusta Morla, Xoel López ou Morgan, e Kaki Arkarazo, músico, instrumentista e produtor musical de grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Amparanoia, Betagarri ou Banda Bassotti.