O Concello de Pontevedra limitará a velocidade máxima para todo tipo de vehículos, incluídos patíns e bicicletas, a 10 quilómetros por hora, nas denominadas «zonas de convivencia». Trátase de rúas con plataforma única e nas que conviven no mesmo espazo peóns e vehículos.
Anunciouno este martes o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que informou de que está previsto que as sinais se coloquen de inmediato na «améndoa central» que circunda o centro histórico.
O obxectivo desta medida é aumentar a sensación de seguridade que, subliñou o edil, supón «algo fundamental para a autonomía dos nenos», ou para que as persoas con mobilidade comprometida teñan «a sensación de que son espazos seguros».
Ademais da zona vella, esta iniciativa tamén afectará a todas as súas rúas perimetrais: Arcebispo Malvar, Praza de España, Michelena, Riestra, Gutiérrez Mellado, Praza da Peregrina e o primeiro tramo de Benito Corbal.
Demetrio Gómez explicou que, ao tratarse dunha medida pioneira, teñen que «estudar o seu funcionamento» e, dependendo dos resultados, decidirase se se implanta noutras zonas da cidade con plataforma única, pero que non son espazos tan compactos coma o centro histórico.