Pontevedra | O programa Falamos arranca con 171 persoas inscritas


Falamos é un programa deseñado polo Concello de Pontevedra e pola Universidade de Vigo co obxectivo de promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria. Tras rematar a campaña informativa do programa, con casetas colocadas en varias facultades do Campus de Pontevedra, neste momento contabilízanse 171 persoas inscritas. Trátase dunha iniciativa deseñada e posta en marcha pola Concellaría de Normalización Lingüística, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, e pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. A través da información achegada no formulario de inscripción polas persoas participantes, o primeiro dato salientable é o relativo ao xénero: 131 mulleres (o 76,6%) e 40 homes (23,4%). Entre as motivacións que as persoas inscritas indican para participar no programa destaca, maioritariamente, o interese pola lingua e por perfeccionar o galego, e en case todos os casos tamén indican que por defendelo.