Pontevedra terá un dos centros de maiores máis avanzados de Europa

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deron a coñecer en rolda de prensa o novo emprazamento do centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade. A nova parcela, que se atopa na Eiriña, é un dos mellores terreos da cidade para facer da residencia unha das máis avanzadas de Europa.

A conselleira de Política Social agradeceu ao Concello de Pontevedra que tomase a decisión de ceder “a xoia da coroa”, en palabras do propio alcalde, “para construír unha das mellores instalacións a nivel galego, nacional e internacional, como será a nova residencia de maiores”, indicou Fabiola García.

O novo terreo conta con 5.000 metros cadrados e está urbanizado por todos os seus frontes. Ao ser unha parcela de maior tamaño que a proposta inicial no barrio da Parda, permite ampliar a zona axardinada e tamén mellorar a accesibilidade á propia instalación.

A parcela da Eiriña atópase nun dos eixos vertebrais da cidade, a 500 metros das estacións de autobús e tren e a menos distancia do Hospital Provincial e do centro de Saúde. En concreto, localízase na Unidade de Actuación 18, situada entre a Avenida 12 de novembro e as rúas Río da Leituga, Paxariñal e Poza dos Canos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha