A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a “ocorrencia” do Goberno de Alfonso Rueda de pretender destinar a vivenda “baixos comerciais que levan anos abandonados porque ninguén os quere”, cando en Galicia hai 90.000 pisos baleiros, só nas grandes cidades, que xa teñen as infraestruturas, servizos e condicións de habitabilidade precisas e que, polo tanto, poden ser comprados, rehabilitados e postos a disposición da cidadanía “a prezos que poida pagar”.
“Señor Rueda, os galegos e as galegas non queren vivir en baixos comerciais, queren vivir en pisos dignos exactamente igual que vostede”, advertiu na sesión de control ao titular da Xunta, logo de preguntarlle até en dúas ocasións sen obter resposta se el viviría nun deses baixos.
Pontón recomendou ao presidente do Executivo a serie ‘A Arquitecta’, que aborda as consecuencias de converter a vivenda nun ben de luxo e na que se recollen algunhas das “propostas disparatadas” como converter prazas de garaxe abandonadas en mini-apartamentos.