Pontón afirma que as contas do 2020 non ofrecen alternativas á crise nin crearán emprego

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o proxecto de orzamentos presentado este sábado polo goberno no Parlamento galego constata “o fin de ciclo do PP e de Feixóo á fronte da Xunta”, así como a súa  incapacidade para poñer  “solucións aos problemas estruturais de Galiza e ás  dificultades que cada día ten que sortear a maioría dos galegos e galegas”. As contas para o 2020 non ofrecen alternativas contra o deterioro dos servizos públicos e unha crise industrial con 6.000 postos de traballo na picota”.

A nacionalista recalcou que nos últimos anos os galegos e galegas comprobaron como non se recuperaron os salarios nin o seu poder adquisitivo mentres medran as desigualdades. A hora de enfrontar a crise económica, afirmou Pontón, “estes orzamentos son inútiles” e tamén “inútiles” para mellorar a vida das persoas e recuperar os servizos públicos.

Pontón criticou a “propaganda e autobombo” do Partido popular  cando en realidade dixo,  “non existe unha estratexia para paliar a crise industrial e crear emprego de calidade”. Ademais, engadiu,  estamos ante un ciclo de desaceleración da economía. Por outra parte, tampouco atopamos nestas contas “alternativas á grave crise do sistema sanitario público”, na Atención Primaria, nin contra  o recorte acumulado de máis de “2.000 millóns de euros nos últimos anos”.

Para a nacionalista, os orzamentos “son unha oportunidade perdida para Galiza” e o goberno da Xunta continúa na senda de políticas erradas que non  quere “rectificar”.