Pontón aposta por estender o modelo municipal de éxito do Bloque

Ana Pontón_Cedida.

O BNG arrancou unha ampla rolda de encontros sociais para coñecer de primeira man cales son as necesidades e as cuestións que máis preocupan nos pequenos e medianos concellos e incorporalas ao programa electoral municipal marco que presentará de cara ás próximas eleccións municipais.

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro aberto en Lalín coa veciñanza e tecido asociativo do concello no que avanzou que o programa ofrecerá alternativas e solucións a problemas que, tal e como evidencian os encontros que se están desenvolvendo, son comúns a moitos destes municipios, como é o caso do deterioro dos servizos públicos, en particular da atención primaria, pero tamén de todo o relacionado coa conciliación familiar, como a atención ás persoas maiores, cunha rede de centros públicos de día e de residencias con todo o equipamento necesario.

Pontón avogou por construír unha Galiza en grande, concello a concello, construíndo municipios democráticos e que dean solucións aos problemas máis importantes da cidadanía e, neste sentido, avanzou que o programa municipal marco tamén se nutrirá das experiencias de éxito dos concellos gobernados polo BNG, “sinónimos de gobernos transformadores, con capacidade para poñer en marcha políticas innovadoras, que xestionan ben os recursos públicos e que buscan mellorar a vida das persoas con políticas de maiorías para as maiorías”. Este é o modelo que o Bloque quere trasladar a todo o País, segundo recalcou Pontón.