Pontón coloca ao BNG como alternativa de goberno e a Rueda como herdeiro dunha ‘desfeita’

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo balance dos 13 anos de Goberno do PP nun contexto en que, con toda probabilidade, este pleno parlamentario será a última sesión de control de Núñez Feijóo, balance que cualificou de “desfeita” xa que deixa unha Galiza “peor da que encontrou” e “máis pequena” en todos os ámbitos. “Precisamos novas ideas para sacar adiante o País nun momento no que o PP ofrece políticas fracasadas”, asegurou. Tildou ao PP “incapaz de salvar unha soa empresa en crise”, de «non construir ningunha residencia pública, co 85% das prazas privadas ou de xestión privada (a taxa máis alta de todo o Estado) e, ademais, pechouse un de cada dez centros de ensino público e as universidades acumulan un recorte orzamentario de 826 millóns de euros». A líder nacionalista exemplificou así un Goberno do PP que tamén cualificou como “o goberno do NON”, dado que dixo non a todo o que signifique defender os intereses galegos. Rueda, alega, é vicepresidente dun Executivo que lega unha “desfeita”: menos industria, emprego ou sanidade, pero que triplicou a débeda.