A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na presentación de Xabier Pérez Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo, do que salientou o seu traballo «valente e rigoroso» e sempre con propostas en positivo. «Así é como entende a política o BNG, mentres outros se perden nun enfrontamento inútil, nun pim-pam-pum con Vigo tan absurdo como estéril, que está facendo perder moitas oportunidades á primeira urbe de Galiza», incidiu.
Pontón recalcou que, nun contexto de crise, non se pode seguir perdendo o tempo na confrontación, polo que defendeu que «Vigo merece moito máis que ser o campo de batalla dos egos políticos de ninguén» porque esta cidade «ten que ser o motor principal de Galiza, recuperar o papel de vangarda industrial e empresarial, volver ser o referente que sempre foi no sector naval, na automoción ou na pesca e tamén aquel referente cultural que colocou á cidade entre as máis creativas do Estado español e de Europa».