sábado, 13 junio , 2026

Pontón cualifica de “inasumible” que se permita á familia Franco “baleirar o Pazo de Meirás”

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón cualificou este xoves de “inasumible”, en termos democráticos, o auto da Audiencia provincial que permite á familia Franco “baleirar o Pazo de Meirás”, un ben declarado de Interese Cultural e afirmou que “ a Xunta e o Goberno central teñen instrumentos na súa man para evitar un novo saqueo da familia Franco en Meirás.” Nesta  situación, urxe reaccionar e denunciar que estamos ante “unha xustiza ao revés” e diante dun auto trufado de “valoracións e expresións incompatibles coa sensibilidade democrática e respecto á dignidade das vítimas do franquismo”. Por decencia e dignidade democrática, engadiu Pontón, débese aprobar unha lexislación que derrogue a lei de amnistía, ilegalice o réxime franquista, permita esixir responsabilidades e pedir contas polos crimes e roubos.

O BNG reclamará á Xunta,  adoptar todas as medidas previstas na lexislación, incluíndo medidas cautelares e urxentes, para garantir a unidade e integridade dos bens mobles que forman parte do BIC Torres de Meirás co fin de  impedir un novo saqueo de bens que foron resultado do espolio franquista. E, neste sentido, advertir á familia Franco da imposibilidade de sacar de Meirás todos aqueles bens que non sexan os obxectos e utensilios de uso estritamente persoal e privado. Neste sentido, aseverou que resulta “unha burla” que a Xunta só queira  protexer as estatuas do mestre Mateo e as obras da biblioteca de Pardo Bazán.