Tras un encontro cos representantes da Plataforma Galega en Defensa da Hostalería para avaliar a situación e abordar liñas de actuación cara o futuro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón salientou que o sector hostaleiro foi un dos máis prexudicados pola pandemia, “con 500 días de restricións aínda por compensar pola Xunta e Goberno central”.
A portavoz nacionalista denunciou a “improvisación e arbitrariedade” da Xunta coa hostalaría e propón unha “Mesa prémente de diálogo” co sector e a comparecencia de Feijóo, en sede parlamentar para explicar a “vulneración de dereitos fundamentais” con medidas ilegais como vén de confirmar o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Ao seu xuízo, o Goberno do Partido popular actuou con “improvisación e arbitrariedade” usando ao sector da hostalaría como cabeza de turco, para “facer que facía” e en vez de tomar medidas no ámbito sanitario, reforzar a Atención primaria e o rastrexo e control efectivo do virus, tomou medidas restritivas no ámbito da hostalaría, “sen un criterio claro” e responsabilizando ao sector dos contaxios.
O colmo da improvisación e da incapacidade para xestionar unha pandemia, dixo, quedou aínda máis en evidencia co “pasaporte COVID”, que Feijóo pretendía impoñer, unha medida a todas luces “inútil e ilegal” para controlar a pandemia.