Pontón destaca a vontade do BNG para chegar a acordos de País

1 minutes read

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixou as prioridades políticas inmediatas do BNG para 2022 nun inicio de ano marcado pola pandemia e as elevadas cifras de contaxios, pero desde o optimismo que nace da “capacidade” do País, das súas fortalezas e da demostrada resistencia para saír adiante.

Pontón, concretou en tres grandes cuestións: reforzar a sanidade pública, poñer en marcha un novo modelo de atención ás persoas maiores e recuperación económica condicionada pola evolución do virus e agora tamén por unha inflación disparada debido, sobre todo, á estafa da luz. No apartado de prioridades e das consecuentes propostas, a líder do Bloque puxo sobre a mesa a situación da sanidade pública, en particular o colapso dos centros de saúde.

Entre as propostas do Bloque, un plan de choque de 200 M€, recuperación inmediata das xerencias con capacidade resolutiva e con orzamento, plan de retorno dos profesionais sanitarios que marcharon fora, -arredor de 7.000-,  «fuxindo da precariedade imposta polo Goberno do PP». Neste contexto, Pontón destacou a total dispoñibilidade do BNG para fraguar acordos a favor de Galicia.