Pontón insta a Rueda a escoitar o clamor social e dar carpetazo definitivo á ‘bomba ambiental de Altri’

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a Rueda que “non se esconda detrás dos técnicos” -aos que por certo cambia cando non lle dan a razón para poñer, por exemplo, a excargos do PP a asinar os informes que xa tiñan elaborados- porque “todo o mundo neste País sabe que esta decisión é unha decisión política que tomou o Partido Popular antes de que houbera nin un só informe sobre a mesa”.  

Altri, un proxecto contaminante, engadiu, que exemplifica ademais por que o do PP é un “bulogoberno”, xa que presentou como unha biofábrica téxtil o que, pasadas as eleccións, se soubo que era “unha macrocelulosa capaz de poñer en risco o río Ulla e a ría de Arousa e levarse por diante miles de postos de traballo”.

A portavoz nacional tamén cuestionou ao presidente da Xunta por que está ocultando o memorándum asinado con Altri. “Que é o que ten que ocultar?”, cuestionou, para recriminarlle que “o que non pode ocultar é que goberna para as empresas amigas do Partido Popular”.

Neste sentido, recordou que a empresa portuguesa ten como socia a Greenalia, firma na que traballa a súa compañeira de partido e exconselleira, Beatriz Mato. “As portas xiratorias sempre ben engraxadas no Partido Popular”, concluíu Ana Pontón.

Related posts

Morre unha muller en Baiona arrastrada por unha onda cando facía fotos

600 escolares e docentes galegos reúnense no primeiro encontro de centros do programa Radio na Biblio

O PSdeG denuncia a crecente externalización de servizos do Sergas a hospitais privados