Tras a xuntanza do Consello nacional, centrado na preparación das vindeiras eleccións do 28M, a portavoz nacionalista, Ana Pontón afirmou que “o BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega; E somos capaces de poñer en marcha as solucións máis vangardistas e avanzadas adaptadas á nosa realidade e os concellos onde gobernamos son o mellor exemplo de como construír vilas e cidades con futuro”. Nesta liña, remarcou que, ”o BNG demostra que hai outra forma de facer política e que outra Galiza é posíbel”.
Pontón destacou que estamos diante duns comicios que decidirán os gobernos dos concellos galegos pero ademais, representan o inicio “dun ciclo decisivo para o futuro do noso país” con catro procesos electorais consecutivos nun ano, eleccións municipais, xerais, europeas e galegas. Estamos nun momento político que supón “unha grande oportunidade para o BNG e dende o BNG non nos poñemos límites porque iso, é o que no pide este momento histórico e o que nos demanda Galiza”.