Pontón pide recuperar as centrais do Xallas senón se garante o emprego nas plantas de Cee e Dumbría

Ana Pontón encabezou a delegación do BNG desprazada até Cee para manter unha reunión co comité de empresa da antiga Ferroatlántica (agora XEAL), despois de que Villar Mir pechara á venda ao fondo voitre norteamericano TPG.

A cuestión de urxencia: o ERTE en vigor e a caída en picado da actividade industrial das factorías tanto de Cee como Dumbría, o que pon na picota o futuro de 400 postos de traballo na comarca da Costa da Morte, ao tempo que a explotación das centrais hidroeléctricas está a pleno rendemento dando enormes beneficios ao novos accionistas.

“Estamos ante a repetición dunha farsa, case diría unha estafa: antes Villar Mir e agora un fondo de investimento desenvolven unha estratexia para desmantelar unha empresa que é fundamental para o tecido económico e social da comarca. Estamos ante unha fraude que consiste en explotar as centrais hidroeléctricas do Xallas  e desmantelar o proceso industrial, empezando por poñer en marcha un ERTE”, denunciaba Pontón, tras mostrar o apoio do Bloque os traballadores e as traballadoras.

Ante esta situación, o BNG leva o asunto ao Parlamento con esixencias e propostas concretas de actuación a favor da comarca.

“Imos reclamarlle ao Goberno que solicite a retirada inmediata do ERTE, en segundo lugar que demande o reactivación da actividade industrial e do emprego, que faga cumprir as condicións da cesión da centrais hidroeléctricas, é dicir, investimentos para modernizar as plantas e mantemento dos postos de traballo. E, se o propietario das factorías non cumpre co establecido, o Goberno da Xunta debe iniciar un proceso de reversión á xestión pública das concesións das centrais hidroeléctricas, tendo en conta que están vinculadas ao mantemento da actividade industrial e do emprego e que non se cumpre”, demandou Pontón.

A líder nacionalista responsabiliza da situación ao presidente da Xunta por autorizar unha venda sen garantías. Indicou que a política industrial do xefe do Executivo na Costa da Morte “foi permitirlle a Villar Mir, -por certo empresario vinculado ao financiamento ilegal do PP-, que fixera caixa utilizando un ben público como son as centrais hidroeléctricas do Xallas e mirar para outro lado ante os incumprimentos do novo accionista”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha