A portavoz nacional, Ana Pontón, e a ministra de Facenda e vicesecretaria do PSOE, María Jesús Montero, asinaron no Congreso o acordo de investidura polo que o BNG blinda a Galiza ante calquera discriminación, garantindo que terá un trato igualitario en materia de condonación de débeda. O acordo tamén recolle un importante paquete de medidas que supoñen mellorar a vida dos e das galegas en infraestruturas, servizos públicos e benestar social, con actuacións concretas como a rebaixa das peaxes, o aumento das pensións máis baixas, cinco novos xulgados para loitar contra a violencia machista ou a implantación do tren de cercanías.
Con este acordo, indicou Pontón tras a sinatura, “imos mellorar a vida das persoas e garantimos que vai haber un trato igualitario en materia de condonación de débeda”, explicou, destacando que se trata “dun acordo positivo para Galiza que demostra que o BNG fai a política útil que mellora as condicións de vida da cidadanía”.
A líder do Bloque amosou a súa satisfacción por un acordo que significa un gran avance para a axenda galega ante o Estado, indicando que, de feito, o BNG está facendo o traballo que non é capaz de facer o actual presidente da Xunta, que só ofrece “mentiras e crispación”, concluíu.