Pontón promete un plan de mobilización de vivenda baleira e unha lei para gravar os grandes posuidores

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta de Galicia, Ana Pontón, prometeu este venres artellar un plan de mobilización de vivenda baleira e unha lei para gravar os grandes posuidores como os fondos de investimento, a banca ou as grandes empresas. Pontón reuniuse este venres cunha representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en Santiago de Compostela xunto a outros membros da súa candidatura e, tras o encontro, avanzou algunhas das medidas que impulsará se chega ao goberno.

Así, dixo que impulsará medidas para cumprir o «dereito fundamental» que é a vivenda e que «non se cumpre para unha parte moi importante da cidadanía». Desta maneira, a proposta defendida pasa por desenvolver un plan de mobilización de vivenda baleira, mediante o que a Xunta compre vivenda e a poña ao dispor dos galegos e galegas en réxime de alugueiro, tendo en conta que nestes momentos hai 500.000 vivendas baleiras, das que 90.000 están concentradas nas grandes cidades.

En segundo termo, e co mesmo obxectivo de mobilizar esta parte do parque residencial, Pontón avanzou tamén o impulso dunha lei para gravar cun imposto aos grandes posuidores como a banca, os fondos de investimento ou as grandes empresas que acumulan un volume «moi importante» de vivenda no país e que alcanza os 15.000 inmóbeis, segundo distintos estudos.

Esta nova taxa, que «en ningún caso afectará os propietarios particulares» e que xa se aplica «en distintos países europeos e noutros territorios do Estado», permitiría, ademais, obter 40 millóns de euros adicionais ao longo da lexislatura, que un goberno liderado polo BNG, dixo, «destinaría a recuperar as políticas públicas de vivenda dinamitadas polo PP nos últimos 15 anos». Pontón tamén comprometeu «máis recursos» para a construción de vivenda pública, consciente, aclarou, de que é «unha política pública máis a longo prazo», e avanzou unha modificación legal para «blindar por lei que toda a vivenda pública que se vai a construír no país se dedique ao alugueiro».

A este respecto, explicou que estas medidas permitirían no horizonte de 2040 elevar a 5% o parque galego de vivenda público, situado neste momento no 0,3%, mentres que no conxunto do Estado está en 1,1%, por baixo tamén doutros países europeos como como Países Baixos (29%), Escocia, Irlanda e Austria (24% nos tres casos) ou Inglaterra (17%), por pór algúns exemplos. «Se obteño a confianza dos galegos, vou facer da política social de vivenda unha prioridade», anunciou Pontón, quen recalcou que se «necesita que as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida e, para iso, é básico poder acceder a unha vivenda».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha