Pontón propón destinar os 200 M€ de devolución do IVE a reforzar a atención primaria

Cedida.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este venres unha reunión coa comisión de centros de atención primaria da Área sanitaria de Santiago e Barbanza, onde subliñou que a atención primaria xa estaba no chasis tras unha década de recortes do Goberno do PP, pero a pandemia está servindo de coartada para afondar no desmantelando da porta de entrada ao sistema público de saúde.

Para reverter esta situación Pontón afirma que o que se precisa é cambiar os recortes por máis recursos. Neste sentido, o BNG demanda que os 200 M€ de devolución do IVE se destinen integramente a financiar un plan de reforzo urxente da atención primaria que, pese a pandemia, ten 45 M€ menos dos que dispoñía en 2009.

De feito, a nivel de financiamento, xunto con este investimento adicional e urxente, o Bloque pon unha segunda proposta sobre a mesa: destinar a atención primaria o 25% do orzamento de sanidade, fronte ao 15% actual. ademais dun plan de recursos humanos coa finalidade de dotar aos centros de saúde do persoal necesario, tanto sanitario como do resto de categorías, así como xerencias propias con capacidade de decisión e con orzamentos.