Pontón propón unha ‘alianza’ Galiza-Portugal que impulse o desenvolvemento de ambos países


O BNG considera estratéxico potenciar unha “alianza atlántica” Galiza-Portugal, porque máis aló dos vínculos históricos, é un país “co que nos une o futuro en asuntos como as infraestruturas, a cohesión territorial, a economía, comercio, turismo ou a investigación”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que se desprazou até a fronteira desde Tui, para presentar as propostas para impulsar esa alianza. En vésperas do próximo cumio hispano-luso, destacou a importancia da eurorrexión e propón ir máis aló, “dar un paso adiante para trazar unha verdadeira alianza estratéxica entre Galiza e Portugal que debe arrancar coa creación dunha delegación permanente do noso País en Lisboa”, destacou, tendo en conta que “fronte a un Madrid que trata Galiza desde unha posición de subordinación, Portugal nos ve como unha alidada natural”, concluíu.