Pontón reclama axudas para a frota mentres non se retire o veto de Bruxelas á pesca de fondo


O BNG ve positivo que o Goberno do Estado presente recurso contra o veto de Bruxelas á pesca de fondo, pero considera insuficiente esta medida tendo en conta que a normativa entrará en vigor en días e pon en risco o futuro de 200 barcos, polo que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a visita a Conxemar en Vigo para  solicitar unha moratoria na aplicación da prohibición até resolver o recurso. Senón se consigue esa moratoria, Pontón pon enriba da mesa outra alternativa para evitar o impacto no sector: axudas directas á frota mentres non se levante o veto á pesca de fondo en 87 áreas do Atlántico nororiental. “Igual que houbo axudas para outros sectores haberá que telas para este e evitar que se perda nin un só posto de traballo  pola inxusta decisión da Comisión Europea”, argumentou.