Pontón urxe ‘medidas valentes’ que protexan á maioría social ante a crise de prezos

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindica unha saída «xusta» á crise de prezos para o que reclama aos gobernos «medidas valentes», tanto «a curto prazo como estruturais», que actúen en defensa das maiorías sociais e non á contra, como as que se están tomando. 

Así, e co nivel de prezos máis alto en corenta anos, considerou «inxusta e antisocial» a suba dos tipos de interese que, para 2023, pode chegar a encarecer a hipoteca unha media de 200 euros ao mes, afogando aínda máis ás familias ante unha banca que sigue obtendo beneficios récord -un 33% máis de ganancias no que vai de ano-, cando aínda non devolveu os 90.000 millóns de euros de rescate, ou ante un lobby eléctrico que tamén «continúa forrándose nesta crise».  

A isto sumou uns orzamentos «insolventes e insolidarios» do Goberno do PP para 2023 que, neste contexto de crise e lonxe de atender as necesidades da maioría, incorporan un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros para as 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, mentres miles de galegos e galegas afrontan serias dificultades para chegar a fin de mes.