Por participar en programas ambientais e por familias numerosas, A Laracha aplica 883 bonificacións na taxa do lixo

3 minutes read

O Concello aplicará un total de 883 bonificacións e reducións no recibo do segundo semestre do actual ano 2026 pola taxa da recollida de lixo. A medida foi promovida polo Goberno local coa pretensión de que a adaptación desa taxa á nova normativa estatal tivese tamén en conta o esforzo das familias que participan en programas de compostaxe doméstica ou son usuarias da quinta fracción do orgánicos, facilitándolles o acceso a este incentivo económico e promovendo ao mesmo tempo unha máis correcta xestión dos residuos nos fogares.

A iniciativa xorde no marco da adaptación, por imperativo legal, da ordenanza fiscal 3.4, reguladora da taxa pola recollida de lixo, á Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que establece a necesidade de que as taxas pola xestión dos residuos cubran o custo real do servizo. Esta circunstancia supuxo unha actualización das tarifas, pero o Concello introduciu tamén na ordenanza medidas de carácter ambiental e social destinadas a reducir o importe do recibo para determinados colectivos e para as vivendas que colaboren activamente na redución e correcta separación dos residuos.

Para poder poñer en marcha estas medidas foi necesario modificar o texto da ordenanza fiscal para incorporar as reducións vinculadas á participación nos programas municipais de incentivos ambientais e as bonificacións destinadas ás familias numerosas. Deste xeito, a ordenanza establece unha redución do 10 % na taxa para as vivendas que participen nos programas municipais de compostaxe doméstica e Ti tes a chave, así como bonificacións do 20 % para as familias numerosas de categoría xeral e do 40 % para as de categoría especial.

O resultado é que un total de 883 recibos contan con algún tipo de bonificación ou redución no exercicio 2026. Deles, 497 corresponden a vivendas do rural participantes no programa de compostaxe doméstica, mediante o que os propios fogares xestionan os seus residuos orgánicos a través de composteiros. Outras 367 vivendas forman parte de Ti tes a chave mediante o uso do contedor marrón da quinta fracción de orgánicos que está implantado nos tres núcleos urbanos (A Laracha, Paiosaco e Caión) e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño. Ademais, 17 corresponden a familias numerosas de categoría xeral e outras 2 a familias numerosas de categoría especial. O desconto correspondente a todo o ano 2026 aplicarase integramente no recibo do segundo semestre.

No caso das reducións vinculadas aos programas ambientais, a medida manterase durante o ano 2027 sempre que se manteñan as circunstancias que dan dereito a ela. Deste xeito, o Concello dá continuidade a un sistema que pretende combinar a correcta xestión dos residuos cun incentivo económico para as familias que contribúen activamente á súa redución e separación.

As persoas titulares de vivendas no termo municipal da Laracha que aínda non tramitaran a súa solicitude e que queiran beneficiarse destas reducións deberán realizar o trámite antes de que remate 2026. As novas solicitudes permitirán acceder á redución correspondente aos exercicios 2027 e 2028, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na ordenanza.

A solicitude pode realizarse por vía telemática, a través da Oficina Virtual Tributaria ou da Sede Electrónica do Concello, ou presencialmente no Rexistro Municipal.