Por Un Mundo Máis Xusto (M+J) inicia un proceso de selección de candidaturas para as municipais

2 minutes read

A recentemente elixida Coordinadora autonómica de M+J Galicia reuniuse na súa sede da rúa Desiderio Varela 20-1°Esquerda, esquina coa rúa Coruña, en Carballo. Noelia Alonso Domínguez, elixida como coordinadora de M+J Galicia, liderou a reunión por videoconferencia desde Vilagarcía de Arousa. “Acordamos impulsar un proceso aberto de selección de veciños e veciñas de Galicia interesados en mellorar a situación da súa localidade.” explicou Noelia.

Xesús Deus Gende, portavoz de M+J Galicia e candidato á alcaldía de Carballo, engadiu “O obxectivo é apoiar desde o partido Por Un Mundo Máis Xusto (M+J) iniciativas veciñais para que nada impida á cidadanía galega presentarse ás eleccións xunto a outros veciños que queiran cambiar o seu pobo”.

Nieves Sánchez Calle, recentemente elixida signataria de M+J Galicia e tamén residente en Carballo relata a súa experiencia: “O partido Por Un Mundo Máis Xusto apoiounos a consolidar o traballo que levabamos realizado desde hai 4 anos. A realidade é que despois dun ano de traballo, xa se fala en Carballo de que podemos chegar a lograr a alcaldía. Traballamos moito para gañarnos a confianza da xente”. M+J, é o único partido en España que publica toda a súa contabilidade en tempo real. Precisamente esta será a medida estrela para todos os municipios en Galicia na próxima lexislatura: publicar con todo detalle e en tempo real as contas do consistorio. “Transparencia e eficacia na xestión serán o primeiro beneficio que recibirán os veciños e veciñas de Carballo cando apliquemos no Concello o mesmo que xa aplicamos no noso partido” así de orgullosa explícao a súa coordinadora Noelia.

Xesús, o seu portavoz, fai un chamamento á poboación: “A porta da nosa formación está aberta a todos aqueles que consideren que por encima de calquera bandeira ou ideoloxía debe de predominar o traballo polo ben común, a loita contra a pobreza, a desigualdade e a defensa dos dereitos humanos. O diálogo é fundamental se queremos unha sociedade máis xusta. Deixar ao carón o continuo enfrontamento e traballar unidos polo benestar xeral da cidadanía, con rigor, respecto e fraternidade. Quedamos ao dispor de agrupacións veciñais ou persoas que queiran sumarse a este ilusionante proxecto», concluíu.

Cedida.