Portos analiza con Camariñas a tramitación do proxecto de mellora da lonxa

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo un encontro coa alcaldesa do concello de Camariñas, Sandra Ínsua, para analizar as necesidades do ámbito portuario da zona.

Un dos asuntos abordados na reunión foi a tramitación do proxecto de acondicionamento e melloras da lonxa de Camariñas, que está pendente dun informe do concello. En relación a este trámite, a alcaldesa de Camariñas trasladou á presidenta de Portos que o concello vén de elaborar en positivo o correspondente informe municipal para remitilo á Consellería do Mar.

Na reunión a rexedora camariñá tamén lle trasladou á presidenta de Portos o interese do Goberno local na concesión do edificio da lonxa vella e presentoulle un proxecto municipal para a súa rehabilitación e aproveitamento como Museo do mar e auditorio.

Susana Lenguas manifestou o compromiso do seu departamento de estudar detidamente a viabilidade do anteproxecto, cun uso que deberá cumprir co establecido na Lei de portos de Galicia. Outro dos asuntos que trataron no encontro foi a mellora do pasamanos da ponte do paseo marítimo sobre a que Portos e concello acordaron estudar as mellores solucións.

A presidenta de Portos e a alcaldesa de Camariñas tamén abordaron as necesidades e posibles actuacións de mellora no porto de Camelle.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha