Portos de Galicia compromete un investimento de 450.000 euros neste ano para o Porto de Muxía

Cedida.

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá neste ano un total de 450.000 euros en melloras para o peirao de Muxía. Así o explicou este xoves a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á localidade na que están en execución as obras de repavimentación do bordo portuario.

Susana Lenguas, que estivo acompañada polos representantes municipais e da confraría de pescadores, trasladou que as obras que se están a realizar consisten na substitución do actual pavimento de madeira, que se atopa deteriorado pola acción da auga salgada, por un novo en formigón, de maior resistencia e durabilidade. Así mesmo lembrou que se trata duns traballos solicitados polos usuarios do porto e a confraría de pescadores e que trala fin da obra será o Concello o que asuma o mantemento, en base a un convenio de colaboración entre ambas administracións.

Portos de Galicia investirá 50.000 euros nesta actuación, que reduce o risco para os peóns que circulan por esta zona devolvéndolle a funcionalidade a este tramo de solo portuario. Ademais, o novo pavimento de formigón presentará maior resistencia a factores ambientais, reducindo os custes de mantemento.

Finalmente, na súa visita, a presidenta de Portos deu conta do estado de tramitación doutros dous proxectos de grande envergadura para o porto de Muxía, como son a reparación da fachada e a cuberta da lonxa e a instalación de defensas no peirao. Ambos proxectos atópanse en licitación con orzamentos de 230.000 e 170.000 euros respectivamente.