A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus, mantiveron unha reunión de traballo para consensuar as directrices para a reordenación da zona de aparcadoiro no peirao da localidade. Durante o encontro ambos mandatarios acompañados por técnicos das dúas administracións revisaron as necesidades portuarias do municipio de Mugardos centrando as prioridades na zonificación do aparcadoiro e a súa sinalización.
A presidenta de Portos explicou que o ente público ten vontade de asumir melloras para a funcionalidade do peirao e informou de que os técnicos están traballando xa en diversas propostas. Así, Susana Lenguas mostrou a súa dispoñibilidade a atender algunhas demandas tradicionais do sector e a cidadanía como a ampliación de prazas para a frota local ou apoio ao Concello para a posta en valor do edificio da Casa do Reló.