Portos de Galicia investirá case 240.000 € na construción dunha nave para almacenamento de aparellos en Laxe

1 minutes read

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investirá case 240.000 euros na construción dunha nave para almacenamento de aparellos dos profesionais que operan no porto de Laxe. Así o anunciou a presidenta do ente público, Natalia Botana, nunha reunión co alcalde do municipio coruñés na que deu conta dos avances no proxecto.

Botana informou ao rexedor municipal de que Portos de Galicia ven de recibir o proxecto da obra que prevé sacar a licitación proximamente, unha vez recibidos todos os permisos urbanísticos. Deste xeito, o ente público mellorará as condicións de traballo dos mariñeiros de Laxe e reforzará a ordenación do solo ao delimitar o espazo para almacenaxe de aparellos en condicións de seguridade e integración na contorna.

A nave proxectada terá unha superficie de 400 metros cadrados que se situará no espazo ocupado actualmente polos cubículos de aparellos, ao lado da báscula e a caseta existentes no peirao. No seu interior albergará 8 habitáculos de 29 metros cadrados e 8 de case 19. Cada un dos 16 cubículos terá acceso independente.

Os traballos previstos terán un prazo de execución de catro meses unha vez iniciadas as obras. Ademais da cimentación e construción da nova estrutura, incluirán a adaptación das canalizacións de pluviais e a reposición dos pavimentos na zona necesaria.

Aseos públicos

Durante o encontro, a presidenta de Portos e o alcalde de Laxe avaliaron tamén a proposta do Concello para instalar uns aseos de uso público en dominio público portuario. Botana confirmou que o ente público facilitará a súa instalación na zona do porto de integración porto cidade, para evitar interferencias coa actividade portuaria.