Portos e Concello de Fisterra acordan a proposta para a reversión ao Estado de terreos innecesarios do peirao

Así quedou de manifesto na reunión celebrada este xoves entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde, Luís Insua, no consistorio fisterrán.

No encontro, ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Fisterra dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente coa Fegamp.

En concreto, no caso do porto de Fisterra, os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello correspóndense co paseo da Calafigueira e un tramo do paseo da Ribeira.

A reunión co Concello de Fisterra dá continuidade á celebrada co de Cariño e enmárcanse na terceira e última fase do proceso polo que Portos de Galicia está a remitir á Administración Xeral do Estado as propostas de reversión daqueles municipios que solicitaron a titularidade de terreos portuarios de uso público. A día de hoxe, a Xunta remitiu xa as propostas aprobadas polo Consello do Executivo galego e consensuadas na primeira e segunda fase con 17 dos 25 municipios que o solicitaron a fin de que a Administración estatal, como competente na materia, decida sobre a reversión e, no seu caso, transferencia aos concellos.

Related posts

Xornada Nova Economía para a Aldea do Século XXI, celebrada no Couto, en Ponteceso

A Laracha solicitará acollerse ao incremento da achega autonómica destinada ao Servizo de Axuda no Fogar

O PSdeG esixe á Xunta unha resposta urxente ao deterioro da sanidade na Costa da Morte