Portos expón aos pescadores recreativos a ampliación de espazos e horarios habilitados

2 minutes read

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo unha reunión de traballo cos colectivos representantes dos pescadores recreativos galegos para darlles traslado da modificación na normativa que regula a práctica desta actividade en superficie nos peiraos autonómicos e que entrará en vigor proximamente.

Trasladoulle ás directivas da Federación Galega de Pesca Responsable e Náutica de Recreo (Fedpemar), da Federación Galega de Pesca e Cásting e da Asociación Galega pola Defensa da Pesca Recreativa (Agadper) que os cambios abren a posibilidade de habilitar novos espazos establecendo horarios e tramos temporais para a pesca en superficie nos portos de titularidade autonómica.

Esta nova resolución recollerá modificacións introducidas atendendo ás alegacións e solicitudes recibidas neste sentido durante estes meses de vixencia da normativa, produto da súa aplicación práctica e da experiencia, tal e como se indicou desde o primeiro momento. Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado verán Portos de Galicia aprobou a resolución que levantaba total ou parcialmente na maioría dos peiraos a prohibición da pesca recreativa en superficie -que estaba vixente desde os anos 70 en todos os portos- co obxectivo de dar garantías aos pescadores recreativos regularizando a actividade.

En total, en base ás 41 solicitudes recibidas das partes interesadas, Portos de Galicia propón ampliar as zonas autorizadas para a práctica da pesca recreativa ou os horarios en 29 portos. Destes, amplíanse os espazos permitidos, sen outros requisitos, en catro deles: Aguete, Combarro, Portocubelo e Ribeira.

A apertura das novas zonas nos 25 restantes queda condicionada á colaboración dos concellos para o auxilio e control desta actividade, estritamente de ocio veciñal e allea por completo á actividade portuaria. Nestas condicións atópanse os portos de A Pobra do Caramiñal, Aguiño, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Camariñas, Camelle, Cariño, Castiñeiras, Corrubedo, Escarabote, Fisterra, Malpica, Moaña, Muros, O Xufre, Palmeira, Portosín, Rianxo, Ribadeo, Sada, San Cibrao, Santa Cristina, Tragove e Viveiro.