Portos presenta a proposta de reforzo da ponte de acceso ao peirao de Malpica

2 minutes read

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo na mañá deste venres unha reunión de traballo coa confraría de Malpica e os representantes municipais na sede do colectivo profesional. Neste encontro, Susana Lenguas presentou a proposta técnica e planificación do organismo portuario para reforzar a ponte de acceso ao peirao, deseñado en orixe para tránsito lixeiro e que actualmente ten restrinxida a circulación por razóns de seguridade.

A alternativa técnica para reabrir a ponte pasa por unha actuación que posibilite o tránsito en dúas fases. A primeira permitirá reabrir a ponte ao tránsito lixeiro e peonil este verán. A segunda fase consistirá no reforzo integral de toda a estrutura da ponte para incrementar a capacidade da estrutura e permitir o tránsito de alta tonelaxe.

A presidenta de Portos insistiu en que o ente público está a dar absoluta prioridade a esta actuación que porén non pode reducir os tempos de tramitación debido aos prazos administrativos que esixe a lei. Susana Lenguas reiterou a necesidade do ente público de priorizar a seguridade dos usuarios do peirao, motivo que provocou a restricción da circulación na ponte. Ante esta circunstancia reiterou que o tráfico deberá seguir circulando pola entrada alternativa na parte alta do porto.

Mellora da operatividade da dársena

No encontro, Susana Lenguas informou tamén de que o proxecto de mellora da operatividade da dársena de Malpica para previr os efectos da entrada de onda longa se atopa en fase final de licitación e conta cun orzamento de máis de 100.000 euros. A este respecto lembrou que no deseño da dársena de Malpica, do ano 1974, non se tivo en conta a acción da onda longa, un fenómeno ocasional que provoca unha maior axitación no interior da dársena. Para reforzar a seguridade ante esta situación, Portos de Galicia leva anos traballando nunha proposta viable de mellora ao tratarse dunha cuestión complexa tecnicamente.

Non obstante, a presidenta do ente público lembrou que o seu departamento puxo en marcha o pasado mes de decembro o sistema de previsión de correntes de onda longa na comporta da dársena de Malpica. Trátase dun método experimental que permite estimar cunha antelación de 72 horas a velocidade da corrente que se producirá na comporta. Este dato está a disposición dos usuarios para orientalos sobre as condicións de acceso á dársena interior do peirao. O documento dispoñible para consulta recolle a previsión de ondaxe, a gráfica da velocidade de onda longa e un informe desglosado por horas con tres niveis de recomendación de uso para cada hora representados por un semáforo: verde para o uso recomendado; amarelo, nivel de precaución; e vermello, para o uso non recomendado.