- A Xunta de Galicia subliña a complexidade da obra de dragaxe do porto de Laxe e a rigorosidade na súa tramitación polo alto valor ambiental da zona.
Foi en sede parlamentar, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, a preguntas de Daniel Pérez, deputado carballés do Bloque Nacionalista Galego, onde Susana Lenguas, Presidenta de Portos de Galiza, recoñeceu o vertido de 1.500 toneladas de material de escombro procedente da obra de dragado que está acometendo o ente portuario, dependente da Xunta de Galiza. Unha obra que, en palabras da Xunta, solucionaría os problemas de seguridade e manobrabilidade na dársena provocados polas correntes interiores e os problemas de cota derivados da acumulación de area.
Aínda que a previsión temporal inicial de períodos de execución de obra situouse en 2 campañas anuais (períodos autorizados) a desenvolver nos anos 2020 e 2021, precisouse dunha terceira campaña nos meses de maio a setembro de 2022.
En agosto de 2022, en resposta escrita a pregunta do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, Portos de Galiza manifestou que tiña previsto rematar no mes de outubro a dragaxe do porto de Laxe.
Na recente comparecencia, a Presidenta de Portos manifestou que as obras de dragado aínda non concluíran e que será necesaria unha nova campaña temporal, chamada “ventana autorizada”, para a súa execución. Polo tanto, a obra, cuxa finalización se anunciaba a bombo e prato para o 2022, alongarase, cando menos, até finais do 2023.
Pero, alén do retraso na finalización da obra, o realmente preocupante está no vertido desas 1.500 toneladas de escombro procedente das operacións de dragaxe. Un vertido realizado sen comunicación oficial algunha, fóra da zona designada ao efecto no Estudo de Impacto Ambiental e recollido na DIA (Declaración de Impacto Ambiental), que incumpre a finalidade que se perseguía ao fixalo nesa concreta zona, que non era outra que incrementar a zona rochosa e de transición entre rocha e area e evitar danos medioambientais.
O vertido tiña que realizarse na chamada Zona B, situada en alta mar, a 15 quilómetros de laxe e a 11 Km de Camelle. Estas esixencias veñen motivadas polo feito que o ámbito de actuación está afectado pola catalogación de ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), e incluída, polo tanto, dentro da Rede Natura, o que obriga a tramitar de xeito especialmente minucioso a tramitación ambiental da obra ademais de aplicar medidas especialmente garantistas na súa execución.
Aínda que a Presidenta de Portos cualificou o vertido coma “provisional”, provocado polo remate do período temporal autorizado e a imposibilidade de facelo na zona designada (polas condicións do mar), atendendo á especial catalogación medioambiental da zona foi unha actuación cando menos discutíbel polo indubidable impacto na mesma. Máxime cando no prego de prescricións técnicas particulares, no seu apartado 40 se establece que para a execución das obras de dragado e vertido “o contratista deberá cumprir co condicionado e plan de vixilancia ambiental esixido na DIA, así como as recomendacións dos estudos que serviron para avaliar este proxecto.”
Desde o Bloque Nacionalista Galego afirman que estarán vixiantes para que o material vertido no interior da dársena se retire sen afectar a esa zona de especial protección e se deposite na concreta zona designada ao efecto nos informes ambientais.
A Xunta de Galicia subliña a complexidade da obra
A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, destacou a complexidade da obra de dragaxe do porto de Laxe, unha actuación “das máis complexas executadas polo ente público”, entre outras cuestións polas particularidades ambientais da contorna. Así o expuxo durante a resposta a unha pregunta sobre este tema na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.
Alí explicou que o ámbito de actuación desta obra ten catalogación de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e está dentro da Rede Natura. Isto obriga a analizar de xeito especialmente exhaustivo e minucioso as posibles afectacións e a aplicar medidas especialmente rigorosas na súa execución”, detallou.
Entre estas medidas destacou a obriga de limitar os períodos de execución de obra a ventás temporais concretas relacionadas coa preservación dos valores ambientais. Estas ventás son autorizadas polo Goberno central a Portos de Galicia e aparecen recollidas na Declaración de Impacto Ambiental da obra.
Este condicionante, subliñou Susana Lenguas, resultou decisivo na consecución dos prazos marcados para a execución das obras e informou de que na actualidade só están pendentes os traballos na zona do bordo do peirao e do contradique.En canto ao cumprimento das obrigas técnicas, a presidenta de Portos de Galicia afirmou que todas as zonas finalizadas cumpren coas especificacións técnicas do proxecto. Ademais explicou que se realizou un depósito provisional de material dragado nunha zona interior do porto e dentro do ámbito da obra con informe previo favorable do Goberno central, que será retirado na próxima campaña deste ano.