Portos rematará o proxecto de reparación da vía do Faro Vilán, en Camariñas

1 minutes read
  • Finalizados os traballos, o Concello asumirá a titularidade da vía

A Autoridade Portuaria comunicoulle ao Concello de Camariñas a súa firme intención de acelerar a finalización da redacción do proxecto para reparar a estrada que vai desde Camariñas ata o Faro Vilán.

Así llo explicou este sábado o novo presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, á alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, e ao primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, nunha reunión mantida na Coruña na que constataron que só restan os últimos detalles para rematar o proxecto e poder sacalo a licitación. No encontro tamén se confirmou que, a través dun convenio de cesión, o Concello poderá asumir a titularidade da vía.

A rexedora de Camariñas agradeceu o “bo recibimento que nos deu o novo presidente” e expresou o seu desexo de que “se acelere o proceso para poder ter canto antes nas mellores condicións o acceso ao Faro, que é un símbolo de Camariñas e sempre atrae a un número elevado de turistas”.